Os vídeos do noso proxecto

Como sabedes, todas as actividades que amosaremos están englobadas dentro dun “Paquete de Actividades” da ferramenta Ardora, unha aplicación creada por Xosé Manuel Bouzán que tenta achegar as TIC aos nenos e nenas, desde os máis pequenos ata os alumnos da ESO ou Bacharelato, sendo tamén unha ferramenta moi útil para o profesorado, pois facilita alternativas moi interesantes para tarefas que se levan realizando sen cambios dende fai moitos anos.

Nesta entrada queremos explicarvos a maneira na que articulamos o noso proxecto, apoiándonos en diferentes vídeos para enlazar todas as actividades, e facendo destes unhas tarefas entretidas e estimulantes para os nosos alumnos e alumnas.

Xa na primeira entrada vos anticipamos que comezamos a traballar a partir dun conto que fixemos en vídeo, pero que por tema de dereitos de autor non podemos subir ao blogue.

A actividade 5 (Lolilandia), correspóndese coa proxección do seguinte vídeo, que nos gustou especialmente porque fala das illas, elementos que vimos de tratar en anteriores tarefas, e tamén adianta brevemente a seguinte temática, a praia.  Ademais, é ameno para o alumnado xa que os protagonistas son personaxes de debuxos animados que coñecen.


No noso proxecto decidimos tratar os mexillóns e a súa extracción, polo que decidimos que os cativos visionasen un vídeo explicativo. Eliximos o seguinte vídeo en Youtube, descargámolo en formato Mp4 e cortámolo para que resultase máis útil para o que nós pretendiamos.


A continuación deste vídeo, proxectaremos outro realizado por nós no que explicamos como elaborar unha receita con mexillóns. Logo de velo e contando coa axuda de pais ou nais voluntarios, faremos unha xornada gastronómica e poremos en práctica o aprendido.


Despois de falar do mexillón, toca tratar outro dos produtos máis típicos dos veráns en Galicia: a sardiña. Para isto, proxectaremos un vídeo, que nós cortamos para adaptalo ás nosas necesidades xa que dispoñiamos del en formato CD. Malia isto, tamén está dispoñible en liña, polo que o poderedes ver se premedes AQUÍ.

Para a actividade número 15 decidimos converternos en peixiños e nadar polo mar ó son da música!


Cremos que a música é un piar fundamental en calquera proxecto e no noso non ía ser menos, así que sumándose á actividade que comentamos previamente, decidimos poñer punto e final á A Costa Galega con outro vídeo musical, mais desta vez engadímoslle un punto de diferenza. Portugal é o noso país veciño e compartimos con el o Océano Atlántico, por que non compartir tamén algo do idioma?


De novo, grazas por visitarnos e agardámosvos noutra quenda!

Esta entrada foi publicada en Sen categorizar. Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta