Traballamos de xeito artístico

Outro piar fundamental en A Costa Galega é a parte artística. Cremos que calquera proxecto debe ter unha parte que deixe fluír a imaxinación dos nenos e nenas e lles permita aportar toda a súa creatividade.

Por isto, deseñamos unha serie de actividades que sirvan ós cativos como inspiración:

1. Facemos teatro

A segunda das tarefas do noso proxecto consistirá na representación teatral do conto “A gran voda de Xelo e Carola”, proxectado como a Actividade número 1. O conto seranos de gran utilidade ó longo de todo o proxecto, polo que cremos que esta é unha boa maneira de afianzalo á vez que se divirten tomando diferentes roles. Da clase, 20 serán os nenos que representen os diferentes animais mariños e os tres restantes serán os encargados TIC. Que significa isto? Moi sinxelo, serán aqueles que graven a representación, entrevisten ós actores e tomen fotografías da actuación e do proceso de preparación. Con todo este material, realizarán ca axuda das mestras un vídeo-documental que mostre as fases de preparación da obra, dos traxes, as escenas dos ensaios e, por suposto, o resultado final.

teatr

2. Visita á Coruña

Ca viaxe á cidade herculina pretendemos que os nenos adquiran un maior control de ferramentas TIC como as cámaras de fotografía, que poderán ser dixitais ou de usar e tirar. Deberán levar cadansúa e tomar conta daqueles aspectos que máis lles chamen á atención na visita ó Aquarium Finisterrae: animais, plantas, exteriores, mobiliario, etc. Tamén poderán tomar fotografías do gran faro da Torre de Hércules, que coñecen do conto, ó que ademais subiremos.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

torre de hercules

Todo o material será exposto para que os compañeiros da escola podan coñecer lugares e seres vivos novos.

3. Visita ás Illas Cíes

Viaxaremos en catamarán ata un dos destinos de Xelo e Carola para alí visitar o Faro de Cíes e a Praia de Rodas. Será alí onde os nenos tomen fotografías para engadir á nosa exposición, tomando como referencia os elementos da actividade “Que hai na praia?”, elaborada con Ardora.

Ademais, cada neno e nena deberá levar dous tarros de cristal, onde meterán area e algas da praia, para levalas para a escola. Alí, organizaremos unha pequena competición, dividindo a clase en grupos, que terán que pegar os elementos naturais en papel corrido. Unha vez rematen todos, avaliaranse os resultados seguindo o método do “aplausómetro”. Que é isto? Estaredes a preguntarvos. Ca axuda dun medidor de decibelios, saberemos que obra recibe máis aplausos por parte dos compañeiros e por tanto, resultará gañadora. Todas elas pasarán a formar parte da nosa exposición pero será a que gañe a que a presida.

Por outra banda, aínda na praia de Rodas, realizaremos outras dúas actividades. A primeira consistirá en que os nenos experimenten autonomamente os fenómenos de flotación que se producen na auga, tirando pedras, paus secos e mollados, cunchas, cortizas, etc. Por último, antes de volvermos para a casa, darémoslles unha sorpresa ós cativos e sacaremos da nada unha botella de vidro, na que meteremos unha carta que temos que escribir entre todos. Asinarémola e poremos os nosos datos de contacto:

Twitter: @aCostaGalegaTIC

Enderezo electrónico: ticinfantilacosta@gmail.com

Blogue: ticinfantilacosta.climantica.org

 

IMG-20170501-WA0008IMG-20170501-WA0009

 

4. Á cociña!

Por outra banda, pensamos que os nenos e nenas deben manter unha estreita relación ca cociña dende ben cativos, polo que propoñemos unha actividade que lles divirta e ó mesmo tempo lles ensine. Ademais, pretendemos mellorar a relación familia-escola, polo que pediremos pais ou nais voluntarios para que colaboren connosco.

Como explicamos na entrada anterior, realizamos un vídeo contándolles ós nenos como facer mexillóns en salsa vermella. Tras a súa proxección, teremos que ir á cociña poñer en práctica o aprendido, adquirindo con isto nocións básica de alimentación, saúde e autonomía.

Neste caso, seremos as mestras as encargadas de gravar ós pequenos mentres cociñan, para engadir as fotos á nosa exposición.

mssl-spns

5. A colorear!

O nome desta actividade non é en balde, pois son dúas palabras máxicas que poden suscitar nos nenos dous tipos de actitudes. Por unha banda, poden poñerse ledos, pois poderán deixar voar a súa imaxinación e representar no papel aquelo que teñen na mente. Mais por outra, poderán poñer cara de aburrimento por estar cansados de actividades do mesmo tipo e sempre coordinadas polas indicacións da mestra.

Con A Costa Galega pretendemos rachar con moitos mitos e problemas da ensinanza habitual e planeamos esta actividade para que resulte entretida para os pequenos, para que poidan deixarse levar polo que pensan, xa que non haberá ningún tipo de regras de cor nin nada semellante.

Debemos comentar, que intentamos de todos os xeitos elaborar unha actividade con Ardora para acadar estes propósitos mais non conseguimos que funcionara a actividade colorear unha imaxe e tivemos que recorrer a recursos na rede. Os nenos e nenas deberán entrar nun enlace incorporado ó paquete de actividades que os levará á seguinte páxina (https://www.colorearjunior.com/dibujos-para-colorear-de-peces.html), na que poderán escoller o debuxo que máis lles guste e pintalo como lles pareza.

morena

Ó remate do proxecto, teremos montada no patio interior da escola unha gran exposición con todo o que fomos recollendo ó longo das actividades. Agardamos que isto sexa de interese para toda a comunidade educativa e especialmente para os nenos máis pequenos, xa que de ser así, o proxecto podería realizarse en vindeiras ocasións.

923846bf4d2756b0fa3c5c2edc87897c

Sen máis, desexamos que vos gustase esta parte artística de A Costa Galega e agardámosvos axiña con máis novas!

Esta entrada foi publicada en Sen categorizar. Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta